29.5.17

OS NENOS DA VARÍOLA

  

A  novela Os nenos da varíola de María Solar, foi a novidade nas lecturas deste curso 2016-2017 e todo un éxito. 

A lectura resultoulle interesante e amena ao noso alumnado e iso é unha gran satisfacción como docente.

Despois da lectura viños a película de Miguel Bardén, 22 ángeles, inspirada nunha novela anterior á nosa, de 2010, de aí que o que non haxa simetría entre a obra e o fime que vimos.


  


Por último o Alumnado de bacharelato do IES Rafael Puga Ramón, reflexionou sobre a lectura, por un lado analizando os problemas daquela época e confrontándoos cos da sociedade actual e por outro contrastando coa novela. Ademais tamén nos contan que foi o que máis e o que menos lles gustou.

28.3.17

SS EE

O alumnado de BAC, despois de dúas semanas de ver vídeos e buscar os porqués da situación de Galicia e do galego durante este período, elaborou  un xogo de preguntas nos que se puxeron a proba os coñecementos sobre os SS EE. Para iso levaron tiveron que traballar en pequenos grupos e chegar a consensos para elixir as preguntas que mellor acaían á categoría que lles tocou traballar. Despois dunha competición por equipos demostraron a súa pericia e de forma individual deixaron estas nubes nas que reflexan os termos que para eles e elas van asociados a estes anos da nosa historia.


9.3.17

RESISTENCIA, ROSA ANEIROS

A moitos dos estudantes non lles gustou nada o suspense do final de Resistencia, e eu propúxenlles, xa que logo, que eles se meteran na pel de Rosa Aneiros e crearan os eu propio final para  a novela.

A alumna de Bacharelato A, Lara Camiña, conseguiu reproducir a esencia da escrita de Aneiros e encheu de sentimento e poesía o seu final. Convídovos a que leades se vos gustou a obra.

Noraboa e grazas polo traballo.

<<Agárdame, Filipa, agárdame. Eu agardareite sempre.>>
Non deixou de pisar o acelerador até chegar a San Pedro de Moel. O seu corazón batía con forza; semellaba ter unha manda de cabalos no seu peito, impacientes, dando couces, por saír do seu recrutamento cara un verde prado. Os nervios fixérona presa do medo e da ledicia á vez. Primeiro, medo polo que podería atopar ó chegar. Aceptaríaa? Recoñeceríaa Dinís despois de tanto tempo? Os anos non pasaran en balde: tiña a pel morena e curtida polo sol abrasador do Brasil, canas incipientes no seu longo cabelo, o seu corpo máis deteriorado do que Dinís puidera apreciar a derradeira vez que se viran e consumaran o seu doce e intenso amor, e a madurez que os paus da vida lle fixeran ter. Mais nese momento sentíase como a pequena que unha vez se namorara inocente, pero sensatamente dun mozo maior ca ela, pero cos mesmos ideais sobre o amor. Primeiro, temor; despous, a ledicia producida polo inesperado dos acontecementos. Tanto tempo pensando que o seu fiel amante falecera de tristura no cárcere de Peniche… Tanto amor para dar…
Por fin chegou a aquel pobo costeiro que tanta alegría lle proporcionara, que fora a súa única razón de vivir durante tantos anos, que a vira crecer, que a vira facerse muller, que a vira namorarse como hoxe en día xa non se fai. Estacionou o coche e, o primeiro lugar ó que decidiu ir, foi á casa da súa avoa Dona Leonor. Cantos recordos... Cantos momentos…
Cando espertou da súa fantasía, caeu na conta de que non sabía se Dinís seguía naquela pequena vila agora que era un home recoñecido en todo Portugal, e de ser así onde andaría. Sería o dono dalgunha das impoñentes novas casas brancas que rompían coa monotonía do vila mariñeira ou seguiría no fogar humilde de Isaura? Comezou a dubidar se fora unha boa idea voltar ó pasado, mais o desexo de volver a amar fervíalle por dentro coma lume infernal. Correu polas estreitas rúas, cruzou a praza e, por fin, divisou o cantil no que adoitaba encontrarse Dinís coa súa cana, pasando o tempo mirando ó infinito do horizonte.
Divisou unha figura alta e forte dende lonxe, e o seu corazón acelerouse máis se cabe. Estaba segura de que era Dinís. Tiña que ser el.
Correu aínda máis, case voando, ata chegar alí. Decepcionouse ó ver que o home que alí se atopaba era un turista alemán que alugara un dos apartamentos vacacionais da praia para pasar un par de semanas tranquilo coa súa pequena familia.
As bágoas escorregáronselle pola cara. Pensou que, despois de tantos anos, seguramente Dinís xa non volvería ó lugar que máis lle lembraba a ela… Descendeu a paso lento pola costa do cantil, con néboa na vista de tanto chorar. De súpeto, notou que unha man se lle pousaba no ombro.
Virouse asustada, pero o que atopou non fixo máis que enternecer a súa triste mirada. Alí, fronte a ela, coma se dun espellismo se tratase, estaba el. El! Non puido conter a emoción e abalanzouse ós seus brazos. Era unha aperta con sabor a “boteite de menos tanto tempo…”, con olor a “onde estivestes tanto tempo” e cunha música que soaba a “es o amor da miña vida”. Ningún pronunciou unha soa palabra. Estaban demasiado abraiados, emocionados, como para pronunciar todo o que levaban gardando durante anos, o que sempre lles faltara por dicir…
Cando conseguiron articular palabra, comezaron as desculpas, o laios, as bágoas, os risos, os aloumiños… Todo o contido en tantos anos.
Descenderon cara unha cafetería preto da costa, sentáronse, e aínda cos nervios propios de dous adolescentes ante o seu primeiro encontro, comezaron a contarse as súas vivencias sen escatimar en detalles. Os seus amores pasaxeiros, os seus traballos, as súas inquedanzas, e a imposibilidade de esquecerse o un do outro. Ese sabor que se deixaran nos beizos a última vez que se viran no cárcere, detrás daquel cristal que impedía o máis mínimo contacto.
Dinís lamentouse pola morte de Rui e de Dona Leonor e contoulle que casara había cinco anos cunha compañeira do grupo socialista no que traballaban incansablemente en favor dos seus dereitos, Mónica da Silva, e que tivera dúas fillas, Filipa e Isaura, ás que quería máis cá súa vida. Neste momento, os ollos de Filipa brillaron de emoción polo nome da pequena, pero tamén de tristura por saber que o corazón do seu home pertencía xa a outra muller. Mirou ó chan, e de súpeto, notou a man de Dinís collendo a súa.
-Ela enfermou e faleceu dous meses despois do nacemento da pequena Isaura, hai xa tres anos…- dixo Dinís, cos ollos chorosos pero escintilantes do amor que o posuía pola fermosa muller que tiña perante os seus ollos e á que tanto amara sempre, desexando que Mónica fose ela a cada momento.
- Segues a ser tan bela, ou incluso máis que cando te coñecín.
-Ámote Dinís, con toda a miña alma. Tantos anos e non conseguín borrar a pegada que deixaches no meu corazón. Meu amor… - e antes de rematar a frase, Filipa xa tiña os beizos de Dinís pousados sobre os seus.
Pechou os ollos, e situouse no Pinhal do Rei, niño do seu amor durante tanto tempo, na súa mocidade… Quixo non acabar nunca ese momento. Cando volveron ó mundo terrenal do que marcharan ó recibir eses bicos propios das divinidades, ou iso creron sentir, Dinís dixo:
-Volve Filipa, volve do Brasil. Non soportaría a túa perda outra vez…
-Dixéronme que morreras… Síntoo moito amor… Tanto, tanto…- o seu discurso viuse interrompido por saloucos e salgadas pingas de auga que manaban dos seus ollos.
El acariñouna, e sentiu a calor da súa pel morena, o perfume brasileiro, a esencia tropical. Ela notou as súas curtidas mans, o seu olor adulto.
A partir dese día, nunca máis se separaron. Ela mandou traer as súas cousas da súa casa de Brasil, el contoulles a noticia ás súas pequenas fillas, que co paso do tempo, atoparon na doce Filipa a nai que añoraran tanto tempo, e comezaron a súa vida en común. A casa era grande, luxosa. O perfecto niño de amor. Isaura recibiu a noticia coma se dunha milagre se tratase, e chorou de felicidade polo seu fillo canto puido e máis.
Dous anos máis tarde, naceu un neno no seo daquela casa. Rui, un pequeno e regordecho neniño, froito do amor máis puro que hoxe podemos coñecer, e que aportou, finalmente, o graíño último de felicidade a aquela casa. Foi a consumación daquel amor abraiante que foi capaz de superar todos os contratempos posibles, as distancias, as fronteiras, as crenzas… e así foi, así é, e seguirá sendo mentres a memoria perdure e estas follas que o recollen sexan lidos por todo aquel que quiera aprender o que significa amar.
Crer posible algo é facelo certo!

22.2.17

2.2.17

PETRÓGLIFO E ESGRAFIADO

A rapazada este ano andou máis ou menos inspirada cos petróglifos e estes son só algúns dos esgrafiados que fixeron na aula antes de poder gozar dunha mañá polas campas de Campolameiro.


E TIC FALAS GALEGO

Marcus Fernández déixanos este monólogo no que aclara como o galego se fai un oco nesa realidade multilingüe que tamén tingue as tecnoloxías da comunciación.


O BLOG DE ENEKO

Boa tarde lectores e lectoras,

Non podo deixar de compartir convosco a ilusión dun dos meus alumnos de 1º da ESO coa materia de Lingua Galega. É un rapaz con moitas inquietudes que sempre trae algún tema co cal poderiamos dar a clase e falar dalgo da nosa lingua ou cultura, e ademais como os compañeiros/as se amosan interesados e participativos sempre temos clases moi curtas.

Un día deulle por remexer na rede e atopou uns datos sobre o uso do galego que compartiu connosco e logo mesmo elaborou un formulario para lles pasar aos seus compañeiros.

A última iniciativa foi crear un caderno de aula dixital, e para iso deulle forma a este blog que acaba de nacer e no que vai poñendo todas as cousas curiosas coas que se atopa na aula e fóra dela.




Faltoume dicir, que é un dos poucos alumnos galegofalantes que está contento con usar a súa lingua e que nunha cidade coma a Coruña non deixan de ser "HEROES", claro que para iso súa nai tráeo e lévao cada día ata a súa localidade, Aranga. Eu persoalmente estoulle moi agradecida porque para a rapazada é un exemplo a seguir.

Bo traballo.

A PAISAXE URBANA

31.1.17

O PENSAMENTO CRÍTICO...IMPORTA?

Estes días estamos reflexionando, algúns alarmados polos resultados do primeiro ciclo da ESO.

Pois acabo de atopar  este vídeo que para min é a peza chave dunha mudanza que temos que facer todos. No mestrado propuxemos este tema como proposta do traballo de investigación-acción nun centro educativo... parece que si que importa, verdade?

As persoas que escoitei estes días non sei se se decataron que a veces seguimos facendo cousas coma hai mil anos e aínda nos sorprende que os resultados non sexan óptimos!!! Por favor, se o alumnado fora só unha máquina de almacenar coñecementos sobre os que será avaliado, realmente non necesitaría vir ao cole, nin un docente que guíe o seu proceso de aprendizaxe. Creo que agora xa está claro por que non están motivados moitas veces, porque non lles ensinamos nada que lles interese, porque o ensino non transmite nada que sexa útil ou atractivo para eles, non conecta nin coa súa experiencia previa nin co seu medio.... ou así o ven eles, segundo o meu punto de vista, claro está.



30.1.17

EXERCICIOS DE XÉNERO E NÚMERO

Neste formulario déixovos algúns dos exercicios de flexión de xénero do libro Galego práctico na aula, de Beltran Carballeira.

Recorda que podes ir respondendo no mesmo blog, mais se decides abrir o arquimo no google dálle á icona de previsualizar (a que ten forma de ollo) para responder e enviar as túas respostas.


HOMENAXE A AGUSTÍN 1ª ESO

O alumnado de 1º ESO B despois de ler e rebuscar cousiñas sobre o noso autor, conseguiron artellar este panel onde recolleron algúns feitos da súa vida e algunhas das obras que leron ou teñen por ler.



Agora déixovos unha peqeuna explicación sobre Agustín que fixeron os colaboradores do Proxecto 21 Días co Gaelgo.