30.1.14

DÍA DA PAZ

Nunhas semanas celebramos a Rosalía de Castro, e 150 aniversario da publicación de Cantares, daquela escollín este poema que fala da PAZ para o día de hoxe.

Xa sei que me diredes que fala da "paz" persoal, da harmonía e sosego interno; pero, realmente, penso que só cando todas as persoas deste mundo atopen ese sosego interno e se deixen de vivir pensando en facer mal aos demais e a si mesmos con pretensións "marcianas" poderemos vivir nun mundo sen conflitos.


Paz, paz deseada
Pra min, ¿onde está?
Quiais n'hey de tela...
¡N'a tiben amais!

   Sosego, descanso,
¿Ond'hey d'o atopar?
N'os mals que me matan,
N'a dor que me dan.

   ¡Paz! ¡paz tiés mentira!
¡Pra min non'a hay!

27.1.14

70 PALABRAS PARA A CHOIVA

Aproveitando a información que Pilar e Román deixan nas redes sociais comparto este vídeo que nos axudará a entender un pouco máis a riqueza da nosa lingua. E sobre todo, creo que con el queda clara a idea de que cada lingua non fai máis ca reflectir a realidade que rodea aos seus usuarios.

Deixados levar polas chuvieiras destes días e vendo que o sol non ten trazas de nos visitar, aí deixo para o alumnado de 2º da eso esta pequena reportaxe, un ballón de nomes de fenómenos meteorolóxicos que afectarán á nosa aula durante os próximos días.


24.1.14

O único que queda é o amor

http://agustinfernandezpaz.eu/es/libros/o-ubico-que-queda-e-o-amor-lo-unico-que-queda-es-el-amor/


O alumnado de 2º da ESO navega nestes intres entre as páxinas do libro de Agustín para chegar á illa do amor.


Deixo unha pequena reseña no blog de lectura para que poidades consultar. 


Boa viaxe!!


20.1.14

Música, pretexto para traballar máis


Cantando aprendemos a describir e as figuras literarias ou repasamos  léxico que xa vimos e o que falamos das linguas do mundo. Todos encantados!!!

Puxemos o tema de Tic Tac de "Quen son", logo "Son Brasilego" e finalmente "Eu to Alegre", tamén de Sergio. 

(Ademais temos un  neno do Brasil, que estaba dobremente encantado!!)

Primeiro lede a descrición que lle saíu a Mencía e a Mónica tras escoitar ests temas:

Son alta e delgada
non quero ser trol nin fada
Teño o pelo rizado 
e non o qeuro ondulado.

Son agradable ou desagradable?
son alegre ou tristeira?
Son tranquila ou bulebule?

Son veloz cando patino
pero ando sempre con tino.
Gústame viaxar 
e outros lugares visitar.

Como serei, como serei?
da terra ou de mar?
Como serei, como serei?
De solpor ou de luar?





Lendas, patrimonio máxico de Galicia



Cova da Serpe

Na parroquia da miña aldea, Santa Mariña de Langostelle, en Guitiriz, cóntase esta lenda:

No alto dun monte hai unha cova onde habita unha serpe de oito metros de longo. Cando saía a comer ía a uns  campos de alí cerca. Comía toda variedade de cousas: persoas, animais, cultivos, etc.

A xente de alí xa estaba cansa de que lle acabara con todo, cos seus cultivos, cos seus animais. Entón decidiron poñerlle un burro de alcatrán que a serpe tragou sen reparo dun bocado e, despois prendéronlle lume.

É por esta razón que a esa aldea lle chaman a cova da serpe.

Andrea Izquierdo (1º ESO)


 A Pedra da Serpe


Conta a lenda que nos pombais de Gondomil, non había nin unha soa pomba porque alí vivía unha serpe alada.

A serpe, todas as noites, saía e comía un home. A xente estaba moi asustada, temendo que foran os seguintes, pero un día pasou por alí Santo Hadrián co seu pau máxico e converteu a serpe alada nunha  pedra.

Aínda hoxe é coñecida a Pedra da Serpe situada en Gondomil, Corme, Ponteceso.

Laura Lema (1º ESO)
 


A Cruz de Santa Cruz de Aranga

Di a lenda que na fonte da Milagrosa de Santa Cruz foi atopada unha cruz de latón e que se trasladou á igrexa que se atopa enfronte.

Pero a cruz un día desapareceu do lugar e volveu aparecer  onde fora atopada. Isto ocorreu varias veces. Para evitalo, decidiron facer un monumento de pedra con dous canos por onde sae  a auga e , no medio unha imitación da devandita cruz. Dende aquel día a verdadeira cruz non volveu saír estrañamente da igrexa.

Dise que a auga da fonte de Santa Cruz é repelente dos insectos e algunha xente lévaa para evitar   que estes bichiños entren nas hortas.

Mencía (1º ESO)

 


 Feáns

O lugar onde vivo chámase Feáns e segundo conta a lenda este nome está relacionado cunha muller que vivía no lugar alá polo ano 1900. 

Esta muller era fea, fea, fea e chamábase Anselina. Vivía no medio e medio do lugar. E un día de moita calor, cando se produciu un terrible incendio na casa dun dos veciños, foi a única que tivo o valor a entrar para o socorrer para que non morrera alí dentro.

E por este motivo se lle puxo o nome de Feáns ao lugar.

Roi Viñas (1º ESO)

19.1.14

A cántara da moura

A Cántara da Moura é unha lenda que nos conta o pai dos alumnos Marcos e Pablo Regueira: 

“No interior desta cova habita unha fermosísima moura. Ao romper o día a moura abandona o seu recuncho de pedra para saír a sentarse ao lado do río. Alí peitea os seus largos cabelos dourados cun peiteador de ouro, mentres agarda acercarse as rapazas de Corzos que gardan o seu gando; no momento que pasan ao seu lado a moura deixa caer o seu peiteador. Se a moza para a recoller o peiteador, a moura premia a súa bondade cunhas moedas de ouro. Se a rapaza segue o seu camiño e non se detén, a moura castiga o desdén da doncela converténdoa nunha das moitas rochas que hai no lugar.”

15.1.14

A WEB DE COUÑAGO

Grazas a Román Landín puiden chegar a esta web:

http://xosecounhago.com/

Paréceme un traballo interesantísimo para achegarnos ao patrimonio cultural galego (arquitectura, tradición oral...) Non deixedes de botar unha ollada ao seu traballo se queredes afondar na maxia que agochan os recunchos da nosa Galicia. 

Aquí o podedes ver explicándonos a lenda da "Pena dos mouros, de Remesar"



Outras lendas en VTelevisión: LENDAS VIVAS

DEBUXAMOS CON DRAGAL

O trazo áxil dalgúns talentos agochados entre os dragaliños do IES Puga Ramón, permítenos gozar cos debuxos que lles suxeriu a lectura desta fantástica novela.

 

Dragal e os espazos máxicos

O alumnado de segundo non só recolleu as lendas que forman parte da nosa memoria cultural como pobo cun tesouro máxico incalculable, senón que tamén fotografaron os lugares cos que podemos asociar esas historias. 

 

14.1.14

Galicia de Lenda

O alumnado do IES Puga Ramón no que traballo este curso, inspirados e guiados pola máxia de Dragal, este Nadal andaron na procura doutros tesouros máxicos da nosa terra. 

Aquí vos deixo unha pequena mostra das lendas que recolleron por unha ou outra canle.

 

Santiago Calvo:

 

Grazas polo esforzo a todos/as as que participastes na actividade.

11.1.14

ACadaCanto

Un agasallo para o meu alumnado de 1º da ESO que lles encanta escoitar a súa profe de primaria cantar.


ROI CASAL


Esta semana puiden ver en directo a Roi Casal e os seus músicos tocandonos en primicia algún dos temas do seu novo disco. 

Son un grupo marabilloso. Ademais de boa músico puidemos descubrir como é o proceso de creación do seu traballo. 

Agardamos con impaciencia ese concerto do Principal en Santiago!!!





MAXICAMENTE VELLO

Maxicamente, puiden asistir ao concerto de Roi Casal no Teatro Principal de Ourense e gozar dun espectáculo fermoso. Boa música, boas voces e sentimento enriba do escenario para chegar ao máis fondo de cada un dos espectadores.

Grazas por descubrirme a Roi, MAR!!! Es xenial. Bicos moi grandes.