25.1.12

XOELIKI

O debuxante e deseñador gráfico Abraham Carreiro (foto de Blogger) e o cineasta, músico e poeta Maties Segura Rubio convídanvos a entrar no mundo dos xogos on-line e na vida do ciberpirata máis famoso neste intre, Xoeliki,

Despois de Xoelike. As aventuras dun ciberpirata, xa está a piques de saír o segundo libro deste rapaz ao cal lle encanta meterse en sarillos. Se queredes resolver algúns dos misterios que engaiola o libro só tedes que acceder á web facendo clic na seguitne imaxe.



11.1.12

CANTOS GALEGOS HAI?

As linguas non son compartimentos pechados, todo o contrario somon elementos de comunicación que están mudando constantemente cando os seus falantes a empregan para comunicarse.

Podemos dicir que dentro das linguas conviven variedades producidas por distintos factores.

a) Históricos: o que nos permiten diferenciar a variedade de galego que se usaba na Idade Media do da época actual.

b) Socioculturais (var. diastráticas): o que permite diferenciar diferentes niveis de lingua segundo o grao de corrección lingüística con que se expresen os falantes: cultos, medio, popular ou vulgar.

c) Situacionais (var. diafásicas): o que permite diferenciar as distintas maneiras de falar dunha persoa segundo a situación comunicativa na que se atope. Dependendo do tema, da intención ou da relación co interlocutor podemos expresarnos nun rexistro formal ou informal.

d) Xeográficos (var. dialectais): o que permite diferenciar o galego segundo a zona xeográfica na qu esteamos. A priemira distinción deixa ver que hai tres grandes bloques: oriental, central e occidental; pero se analizamos cada un deles atoparemos peculiaridades que nos levaran a distinguir areas máis pequenas con identidade propia como a lucu-auriense, a fisterrá, a tudense, entre outras. Para saber máis sobre os trazos de cada zona, ver algún mapas e escoitarou ler textos das distintas áreas remítovos as seguintes páxinas:


Outras variedades:

a) As linguaxes especificas: xergas (o barallete, lingua dos afiadores de Ourense, o latín dos chafoutas ou albaneis de Tui e Pontevedra, etc.) e linguaxes profesionais ou tecnolectos ( linguaxes con léxico específico como é a dos médicos, informáticos ou mariñeiros entre outros).

b) O estándar é a variedade común a todos os falantes modelo ideal para as situacións comunicativas formais cun nivel medio.

10.1.12

O VALOR DA OBRA DE CASTELAO

Cousa da vida de Castelao
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, por Resolución do 28 de xuño de 2011, incoa o expediente para a declaración de ben de interese cultural e inmaterial en favor do conxunto da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, sobre a base do seu valor simbólico e o interese do conxunto da obra en canto vehículo de concienciación e afirmación da identidade diferencial do pobo galego.


6.1.12

S.O.S.

Fragmento de S.O.S. de Pepe Carballude: a Lenda que explica a visión que tiñan os antigos do decorrer dos días e das noites. Fermosa historia.

"Explicoulles que se trata dunha lenda moi antiga, segundo a cal, BALL, o sol, é un poderoso señor que cada día percorre os seus dominios nun carro tirado por cabalos que ceiban labaradas de lume polas ventas. Así infunde calor á terra, vida ás plantas e vivifica todo o que está baixo a súa atenta mirada. Máis, cando está canso, á tardiña, é asaltado silenciosamente por seu irmán, NOX, decote vestido cunha capa moura. Este dálle morte a BALL e, esgazando o corpo fraterno en anacos pequenos, enceta un reinado de igual duración.
(...)
Daquela, GLEN, a lúa, esposa de BALL, abatida, chora a perda do seu marido e, coa axuda das estrelas, as súas bágoas brillantes na negrura do reino de NOX, sae á procura dos restos do seu home. Unha vez apañados todos, BALL reencárnase noutra volta máis para repetir con anovada forza o seu labor diario."


5.1.12

A través do blog de Rosa Salgueiro cheguei a estoutro blog sobre As vangardas, unha UD da AELG  Feito por Pilar Ponte, A Profa, moi interesante para as aulas.  Bo traballo.


Pilar Ponte.

De catro a catro, poemas explicados na páxina de o galego.eu

CANTO SABES?

Aquí descarga o exercicio que sinala a frecha.

Para o alumnado de 4º da ESO aí lles deixo un
reto. Tedes que acceder á páxina do IES Otero Pedrayo e facer clic no xogo que ten preguntas sobre O grupo Nós. A ver como andades de coñecementos e a ver canto aprendedes desta.

Boa sorte!!

FALECE ISAAC DÍAZ PARDO

Retrato de Isaac Díaz Pardo por Vítor Mejuto
O berce do galeguismo de Risco, Cabanillas, Castelao... vai quedando orfo. Hoxe faleceu con 91 anos Isaac Díaz Pardo, intectual galeguista e artista con maiúsculas que buscou sempre dignificar a nosa terra, quizais aguilloado pola inxustiza do fusilamento de seu pai, Camilo Díaz Baliño, a mans dos fascistas.

O seu ollar limpo e sinxelo e o engado da súa voz dan conta da gran persoa que foi Isaac e da súa modestia. Todos sabemos que se consideraba un fracasado, pero as mostras de cariño e recoñecemento neste día tan sinalado apuntan cara o lado contrario. 

Recoñecementos e distincións que lle chegaron de diferentes intitucións sempre para recoñecer o seu traballo como ensaísta, crítico, pintor, deseñador e empresario. Moitos de vós seguro que posuídes unha das pezas da cerámica de Sargadelos na que deixou a súa pegada enfeitando as distintas pezas con motivos da arte románica galega e do pobo galego en xeral.


Para o segundo trimestre están programadas as seguitnes lecturas para o meu alumnado do IES de Mos.
  • 1º ESO: Xosé A. Perozo, Camiño de fantasía. Ed. Sotelo Blanco. Collección Xuvenil.

  • 4º ESO: Pepe Carballude, S.O.S. Ed. Galaxia. Colección Costa Oeste.

O alumnado coñece a posibilidade de ler outros libros optativos que poden subir a nota 0,5 (sempre que superen o 5 e nun máximo de 1 punto por avaliación). Para isto debedes falar comigo. No caso de primeiro da ESO hai unha listaxe ampla na cal podedes mergullarvos para escoller outras lectura e que tedes ao voso dispor na Biblioteca do centro.

4.1.12

A AMIZADE

Esta fermosa historia que transcribo é un agasallo dun amigo da Coruña que quero compartir con todos vós porque de certo que, igual ca min, todos tedes moitos amigos que non vedes e  cos que compartides moitas cousas fermosas aínda que fiquen físicamente moi lonxe. 

Estou de acordo cunha cousa que dis Xoán, os amigos son o tesouro máis grande que posuímos, polo menos eu síntome afortunada de ter os amigos que teño. Mil grazas pola historia. Non deixes de escribir.


 Dous homes, ambos os dous moi enfermos, ocupaban o mesmo cuarto dun hospital. A un permitíaselle sentarse na súa cama cada tarde, durante unha hora para axudarlle a drenar o líquido dos seus pulmóns. A súa cama daba á única ventá do cuarto.

O outro home tiña que estar todo o tempo boca arriba. Os dous charlaban durante horas. Falaban das súas mulleres e as súas familias, os seus fogares, os seus traballos, a súa estanza no servizo militar, onde estiveran de vacacións... E cada tarde, cando o home da cama xunto á ventá podía sentarse, pasaba o tempo describindo ao seu veciño todas as cousas que podía ver dende a ventá.

O home da outra cama empezou a desexar que chegasen esas horas, en que o seu mundo se ensanchaba e cobraba vida con todas as actividades e cores do mundo exterior. A ventá daba a un parque cun precioso lago. Parrulos e cisnes xogaban na auga, mentres os nenos o facían coas súas cometas. Os mozos namorados paseaban da man entre flores de todas as cores do arco da vella. Grandes árbores adornaban a paisaxe, e podíase ver na distancia unha bela vista da liña da cidade.

O home da ventá describía todo isto cun detalle exquisito, o do outro lado do cuarto pechaba os ollos e imaxinaba a idílica escena. Unha tarde calorosa, o home da ventá describiu un desfile que estaba a pasar. Aínda que o outro home non podía oír a banda, podía velo cos ollos da súa mente, exactamente como o describía o home da ventá coas súas máxicas palabras.

Pasaron días e semanas. Unha mañá, a enfermeira de día entrou coa auga para bañalos pero encontrou o corpo sen vida do home da ventá, que morrera pracidamente mentres durmía. Encheuse de pesar e chamou os axudantes do hospital, para que levarsen o corpo. 

Tan pronto como o considerou apropiado, o outro home pediu ser trasladado á cama ao lado da ventá. A enfermeira cambiouno encantada e, tras asegurarse de que estaba cómodo, saíu do cuarto. Lentamente e con dificultade, o home ergueuse sobre o cóbado, para lanzar a súa primeira mirada ao mundo exterior; por fin tería a alegría de velo por si mesmo. Esforzouse para xirarse devagar e mirar pola ventá ao lado da cama e... nada máis que puido ollar unha inmensa parede branca.

O home preguntou a enfermeira que podería ter motivado ao seu compañeiro morto para describir cousas tan marabillosas a través da ventá. A enfermeira díxolle que o home era cego e que non podía ver tan sequera aquela parede, e díxolle: "Quizais só quería animalo"

É unha tremenda felicidade facer feliz aos demais, sexa cal sexa a propia situación. A dor compartida é a metade de pena, pero a felicidade, cando se comparte, é dobre.

Por Juan Bouzas, Ies David Buján.

AXUDAS ADSL

Código Cero publica:

Aberto o prazo de solicitude das axudas da Xunta para contratar Internet no fogar.

UNHA LINGUA UN POBO

CELSO EMILIO FERREIRO

Hoxe celébrase o centenario do nacemento do incrible poeta de Celanova Celso Emilio Ferreiro. E tamén se commemora o 50 aniversario da publicación de Longa noite de pedra

Grazas a Rosa Perez podemos coñecer a páxina do autor na cal atoparedes toda a información sobre el e actividades que se programan en torno a este día. 

Hoxe se vos achegades a Celanova poderedes atopar os seus versos espallados polos establecementos da vila, unha forma orixinal de poñer en contacto a poesía co pobo. 

Gracias polo video Rosa, aquí o deixo para os que teñan preguiza de achegarense a Celanova.