28.9.10

O incerto señor Don Hamlet

Aquí deixo un fragmentiño da estrea No Auditorio Municipal de Ourense da nova peza Sarabela Teatro.
Fai pouco tiven a oportunidade de ver en Coruña, no Rosalía, A esmorga. Aínda que aquela representación me gustou máis, polo lugar, a compañía e o apego que unha lle colle a este libro cos anos, o Hamlet de Cunqueiro tamén estivo ben. Moi lenta ao comezo cando fala o coro e máis interesante logo, cando comezan as dúbidas existenciais do protagonista e os enredos que trama a súa loucura, quizais xermolo do abafo que na escena crea a falta de vento?.


ACTIVIDADES CURSO 2009-2010

Sei que vai con demora, Mar, e tanta!!!! Pero no verán xa sabes que andei de acó para aló coma unha bolboreta, pero sen asentar para facer nada con xeito.
Esta fin de semana rebulín entre os arquivos e a morea de carpetas que hai con fotos no ordenador e atopei onde tiña as do Instituto, menos mal!!! Foi moi emotivo velas todas de novo, sobre todo porque nunha presada delas aparece Andrea, sempre sorrindo, por certo!!!
Sei que faltan actividades: teatro a Ferrol ou ao Rosalía, roteiro da Praia dos afogados, as rutas de sendeirismo, e un milleiro máis de actividades que fomos facendo ao longo dun curso tan produtivo a nivel laboral e persoal. Daquela cando vexas o video, ademais de atopar os erros que xa vin por aí, decataraste de que si foi moito o traballo e moi bo. Po iso espero que estas imaxes sirvan de alento para seguirdes coa mesma liña de traballo. Non dubides un intre de que estivo xenial o que se fixo, e iso que non tiñamos tempo, senón aínda se farían máis cousas que sabemos que quedaron pendentes. Por exemplo, o do teatro na rede: animádevos este curso co Achado do castro, vale.
Bicos á todos máis que grandes.


23.9.10

GALEGO MÁIS DEPORTE



O testemuño deste campión ferrolán é moi valioso porque nos deixa ver que unha persoa pode falar en galego aínda que non sexa a súa lingua materna. Asegura que o apego coa avoa e a aprendizaxe na escola ("tiña moitas materias en galego") foron as ferramentas que fixeron que aprendese a falar a nosa lingua.

Ademais, Javier insiste na idea da lingua como sinal de identidade. Di que fala galego porque sabe que é o algo que o fai sentir que está na casa. Mais cando anda por fóra recoñece que a xente se interesa pola súa lingua e que teñen curiosidade mesmo por aprender algunha palabra. Daquela????????? Isto é o de sempre!!!!!!!!!!!!!!!! A xente que menos apreza o galego é aquela que non entende o que significa a nosa lingua de verdade?

Vós diredes!!!!

20.9.10

Andrea de la Fuente




Arriba ao lado de Nereida e detrás de Celia.
Abaixo entre Diego e Loli.


Hoxe foi un día longo e triste para o IES David Buján, cando menos foino para aqueles que tivemos a oportunidade de compartir o curso 2009-2010 con Andrea.

Xa sei que moitos estaredes pensando que por que pasan estas cousas e por que lles pasan á xente que nós queremos. Non hai un razoamento lóxico, as cousas pasan sen máis porque están de ser e non gañamos nada intentando entendelas. A única forma de superar feitos coma estes é aceptar o que ocorreu canto antes e loitar, cada vez máis, polas persoas que queremos e por ser felices con cada pequeno detalle.

Quería despedirme de Andrea con estas dúas fotos nas cal loce cun sorriso enorme, que delata a enerxía coa que estaba sempre bulindo de acó para aló, e acompañada de todos os compañeiros e copañeiras do curso pasado. Sei que tiña moi mal xenio, como dicía algún compañeiro, pero co decorrer dos días soubo canalizar esa enerxía para sacar adiante un moi bo traballo.
Un bico moi grande.









XOGOS

Pilar, prometera mandarche os xogos que tiña do curso de monitora que nos permitían xogar coa lingua. Están cara as últimas páxinas do documento.
Esepro que algún valla para estes días de inicio de curso.
Bicos.


17.9.10

AS DE BOLBORETAS


O curso pasado tiven a sorte de acudir, en moi boa compañía, a escoitar a Rosa Aneiros no Cefore da Coruña, dende aquela engaioloume a súa forma de falar e dixen que tiña que ler os algún dos seus libros.
Porén, o destino fixo que non fora ningunha das súas obras as que aportaron no meu peirao este verán. Mais, logo de botar unha ollada á guía de lectura que preparou A Profa, non hei deixar moito tempo entre este intre e o da abordaxe de As de bolboretas.

Guía de lectura da obra "Ás de bolboreta" de Rosa Aneiros realizada por Pilar Ponte Patiño para Edicións Xerais.

Dunha persoa tan traballadora e alegre non podía saír outro traballo que nnon fora este. Parabéns e moito ánimo para seguir por estes sendeiros.

SON DE POETAS

Hoxe, 17 de setembro de 2010, o curso novo curso escolar para secundaria bota a andar. Xoán Díaz, director de Son de Poetas, faino da mellor maneira que sabe explicando a todo o mundo que aprender literatura pode ser divertido, ou non?

Noraboa polo traballo



Transcribo a entrevista que publicou A Nosa Terra Diario. Grazas Mar, estás en todo.
________________________________________________________________
Blog de poemas musicados


Xoán Díaz: 'Son de Poetas complementa as clases de Literatura'


Redacción . 'Son de Poetas' é un blog que funciona dende o curso 2007-2008 no IES David Buxán de Cambre como recompilatorio de versións musicadas de poemas galegos co fin de achegar a nosa Literatura aos estudantes de Secundaria. O profesor de Literatura e Lingua galega Xoán Díaz dirixe esta bitácora que está a piques de inaugurar a súa cuarta tempada na rede.


Que é 'Son de poetas'?

Quere ser unha causa colectiva para alumnos, compañeiros de profesión e grupos literarios que funciona no curso lectivo e ten como meta aproximar os alumnos á literatura e poesía galega a través da canción e a música.



Dende cando funciona?

Dende o curso 2007-2008.



Como xurdiu?

No equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do IES David Buxán coñeciamos iniciativas de incentivar a aproximación á literatura por parte do alumnado con poemas musicados en castelán e catalán e quixemos facer algo similar coa literatura galega.



Que periodicidade ten?

Publicamos un poema por semana lectiva e ás veces varias versións musicais dun mesmo texto. En datas importantes como o Día das Letras Galegas ou o pasamento de Rosalía de Castro facemos entradas especiais con recompilacións de poemas musicados dos autores homenaxeados.



Cal é o cometido?

Que os alumnos fagan reflexións sobre os poemas de autores que se revisan nas aulas partindo da música, e que opinen e propoñan outras versións musicadas dun mesmo texto. Tamén relacionar o ensino e a Literatura coas novas tecnoloxías.



É un blog colectivo?

Eu dirixo o blog pero conto coa colaboración dos compañeiros do departamento de Normalización e Dinamización Lingüística do Instituto e de xente que nos da referencias das versións.



Ten moitos seguidores?

Na relación constan máis de 60.000 visitas, a maioría de Galiza, pero tamén de galegos que viven no Brasil e toda Europa. Pero o cometido do blog non é ter moitas visitas, senón dar a coñecer a nosa Literatura a través da música.



Este blog está creado como unha ferramenta de traballo?

Por suposto. Son de Poetas fíxose como un complemento das clases de Literatura galega e para incorporar as novas tecnoloxías ao material escolar. Persoalmente estou moi interesado na integración das Tecnoloxías da Información e Comunicación nas aulas e este blog permíteme experimentar neste eido. É fundamental que contemos con ferramentas dixitais para traballar nas aulas e como profesores estamos obrigados a darlles unhas competencias dixitais aos alumnos e estar ao día nesta materia.