18.12.09

O FUTURO ROUBADO

Esta novela de Ficción e ecoloxismo de Ramón Caride lévanos a vivir aventuras que nos recordan as películas de Regreso al futuro. E tamén nos ensinan cal é o prezo que pagamos polas ambiciosas ansias de enriquecemento que teñen uns poucos. Aprendemos que a natureza é un ben cultural máis que debemos coidar para que gocen del os nosos devanceiros. Ademais é unha boa lectura para esta avaliación porque a narradora, Irina, despídese do lector desexándonos bo Nadal e convidándonos a marabillarnos coas pequenas cousas ou grandes tesouros, segundo se lea, que temos en Galicia.


O futuro roubado

O APALPADOR

Neste Nadal crea unha felicitación diferente baseada na figura deste personaxe galego.

Primeiro lede este conto que publicou en Calameò o Ceip Alexandre Bóveda.



Publish at Calaméo or browse others.


Agora podedes saber máis sobre a figura do Apalpador facendo a seguinte webquest.

15.12.09

Corredores de sombras, Agustín Fernández Paz

Este é o libro de lectura do Nadal para 2º da ESO.

Paréceme unha forma interesante e moi atractiva de achegarlles un tema vello dunha forma nova. Se vos parecía desgastada a temática da Guerra Civil, aquí tedes un texto máis que interesante para achegarse aos acontecementos históricos que relatan os momentos previos á guerra, a dureza da guerra e a persecución da posguerra.

Atoparedes intertextualidade con poemas como "Cunetas", de Pimentel ou "A lingua das bolboretas", de Manuel Rivas.

Tamén ides atopar agochada entre as palabra inofensivas de Clara a denuncia dalgúns dos problemas sociais máis actuais: o racismo, o machismo, os subornos ou falta de xustiza, a clonación dos adolescentes, a diferenza de clases, o despotismo ou o feísmo urbanístico entre outros moitos.

Ademais diso, a novela permíten
os facer unha pequena excursión polas terras do Eume. Podemos ir unha tarde de sol á praia de Cabanas ou facer unha ruta de sendeirismo nas Fragas para visitar o Mosteiro de Caaveiro e mirar como o río baixa "brillando coma unha serpe inmóbil tendida ao sol". O autor non escatima á hora de presentarnos con todo luxo de detalle cada un dos recunchos nos que acontece a trama, polo que unha persoa allea a Galicia quedará cunha imaxe ben forxada da nosa paisaxe.

Aquí tedes a ficha de traballo: Corredores de Sombra Agustín Fernández Paz




2.12.09

CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Podemos dicir que a semana pasada xirou ó redor do día 25 de novembro.

O alumnado de 2º da ESO, logo dun mes de traballo, realizou unha presentación combinando as imaxes e a música que atoparon sobre a violencia de xénero coas súas frases sobre o mesmo tema. O citado día puxémolas nunha pantalla na entrada do centro e todo o mundo estaba véndoa coma se estivesen no cine, mesmo tivemos que repetir.

Espero que a vós tamén vos guste e teñades unha conexión boa para que vos cargue o video.



Tamén fixeron unha exposición no centro na cal deixaron as súas mensaxes no muro "Que lle dirías a un maltratador", título dun concurso que organizaba o Concello de Lalín e no cal participou o noso alumnado.

Aproveitamos a disposición do centro para colgar o nome das vítimas que este ano morreron a mans das súas parellas, logo de procurar información na rede. Pola disposición da exposición daba a sensación que un/unha estaba rodeado de "MORTAS" e o efecto foi o desexado. Todos/as quedaban sorprendidas do elevado número de mulleres que levan morrido xa este ano e tomaron conciencia da gravidade dos feitos.




Como vedes na primeira imaxe deste video o día rematou cun acto no Obelisco, onde cada quen podía levar un par de zapatos co seu nome para solidarizarse coas vítimas de violencia de xénero. Outra vez penso eu que se conseguiu o efecto desexado, xa que, quen reparar naquela morea de zapatiños orfos, non podía deixar de imaxinar a de familias rotas e nenos sen nais que esta lacra social deixa en España cada ano.

E para rematar a semana nada mellor que un curso sobre "Linguaxe e xénero" no Reitorado da UC acompañada das miñas compañeiras de departamento. Todo un luxo non só gozar da súa compañía, da oratoria de personaxes do mundo da cultura galega e dun marco incomparable. Todo un pracer desconectar de cando en cando engaiolada polo doce movemento das ondas que manseniñamente levaban os barcos dunha ría a outra, transportándote a ti tamén a gozar un intre dos moitos recunchos máxicos que ten a nosa costa.

1.12.09

Lecturas para o ANO DA ASTRONOMÍA

Xa que estamos no Ano da Astronomía aí vai unha proposta de lectura con esta temática: O contador de estrelas de Jaureguizar.




Outra lectura interesante é navegar un chisco polo espazo do PRINCIPIÑO.